Paradela
A historia e a paisaxe de Paradela evocan a unha “Parada” obrigada, a un lugar de substitución de cabalerías e por suposto ao propio Camiño de Santiago, que leva 10 séculos marcando a ruta xubilar por excelencia. Os seus lugares aparecen nos vellos códices e relatos que describen o paso dos peregrinos.
Paradela conta cun clima estable e agradable para o visitante. Está rodeado de bosques e serve de exemplo das paisaxes máis coñecidas da Galicia interior. O visitante descobre sobre o terreo que se trata dun punto neurálxico na zona, moi ben comunicado coas principais cidades galegas e con enclaves únicos como a Ribeira Sacra.
Desde o miradoiro de Cortes obtense unha das mellores vistas de todo o Camiño Francés cara a Compostela e das curvas caprichosas do río Miño. Este itinerario xacobeo, ten no municipio un trazado completo de 7.300 metros e é habitual que moitos peregrinos tomen este como punto de partida, a pé ou a cabalo. O último tramo do roteiro esconde o descenso pola conca do Miño, que serve como división natural do municipio co de Portomarín.
Paradela ofrece ao visitante múltiples atractivos de lecer, de gastronomía, de historia e de natureza que a fan única. Non hai mellor maneira de coñecela que percorrer cada recuncho. Descúbreos!